Recogemos esta entrevista que se ha publicado en la Voz de Galicia del pasado 10 de Abril, como reconocimiento a la labor que ha llevado a cabo el joven tallista de Viveiro Alejandro Quelle Soto.
Alejandro Quelle Soto (Viveiro, 1981) apuntouse ao módulo de ebanistería da escola obradoiro de Chavín. Polas mañás aprendía a manipular a madeira e polas tardes cursaba COU (o actual segundo de Bacharelato) no IES Monte Castelo de Burela. Cando rematou a escola taller matriculouse na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, no ciclo superior de artes aplicadas á madeira, hoxe desaparecido. «Non sabía nin que existía, vino en A Coruña cando me ía inscribir alí», conta. Superou a proba de acceso e completou así formación académica.
Pero o mestre de Alejandro foi Juan Fernández Rivera, O Goio, profesor na escola obradoiro de Chavín. «Era mestre tallista, o mellor que levo coñecido en toda Galicia, este pobo (Viveiro) non sabe o que tiña. Todo o que sei de ebanistería e de talla aprendino del», recoñece. O Goio espertou a paixón deste rapaz pola talla e a ebanistería. Súa nai é enfermeira e seu pai, fontaneiro e administrativo, ademais dun home «moi mañoso». «Víao traballando na casa e axudáballe, sempre me gustou traballar coas mans», asegura.
As novas andas do Rosario
E desa habilidade vive, especializado en arte sacro. Estes días anda apurado rematando as dúas andas de madeira de castaño que lle encargou a Confraría do Santísimo Rosario para as imaxes da Virxe e de San Xoán, na procesión do Encontro de Resurrección, que se celebra o domingo pola mañá, dende a igrexa de Santa María ata a praza Maior. Se pode escoller, Alejandro prefire a madeira de caoba: «Ten un acabado impresionante, a de castaño é moi dura, con moita veta, moi difícil de tallar e con moito desperdicio; iso si, a de caoba é máis cara, pero aprovéitase todo». Un metro cúbico de madeira de castaño anda entre 1.200 e 1.400 euros; se é de caoba chega a 3.000.
Este artesán da madeira (no catálogo galego do ramo é dos poucos que aparecen, se non o único, adicado á talla) afirma que todo o proceso de creación dunha anda é complexo (leva entre catro e dez meses, dependendo do tamaño): «Parto dun plano, un papel en branco, e empezo a dimensionar a parte arquitectónica, en función do que leva enriba; é distinto se vai unha imaxe ou dúas, se é para unha procesión de Paixón (as andas son máis escuras) ou de Resurrección (máis claras)... E despois está o deseño da ornamentación da talla».
O anterior encargo que atendeu levoulle nove meses. «Era a anda do Cristo de Resurrección, a segunda máis grande da Semana Santa de Viveiro (mide 4,40 metros de longo, 2,40 de ancho e case 1 de alto)», explica. As procesións que pasan pola Zapatería comportan unha dificultade engadida: «Preparei un modelo de pino e fomos dez ou doce unha noite de verán para ver se pasaba, se daba virado; fixemos o percorrido ao dereito e ao revés». Ata que verificaron que as dimensións se axeitaban.
En Chavín, case sen descanso
Alejandro, cofrade da Imandade das Sete Palabras, vai no camiño dos antigos mestres tallistas de Viveiro, como Fernández Rivera ou Juan Luis Otero e seu pai. «Gustaríame seguir a liña deles», confesa con modestia. O taller teno nos locais da vella escola obradoiro, en Chavín, onde aprendeu o oficio. «Practicamente dedícome só a traballos de Semana Santa», afirma. Aquí bota o día. Di que dende que entrou nesta nave perdeu a vida social e os amigos xa lle preguntan como andan os santos.
Alejandro Quelle Soto
30 anos
A cetrería, con aguias de Harris
A nave da escola obradoiro, situada na parroquia de Chavín, onde traballa
O único mestre tallista de Viveiro (e pode que de Galicia, xa case non quedan escolas onde formarse) aboga por conservar os elementos diferenciadores da Semana Santa de Viveiro, sen que iso impida evolucionar e renovar: «Provén da escola castelá, traída de alí polas ordes mendicantes dos franciscanos e dos dominicos. E o bonito e o singular é que leva andas, non tronos; é importante manter esa peculiaridade. Outras celebracións da Paixón, coma de Ferrol, son totalmente andaluzas, por influencia dos militares. Pero aquí é mellor facer os traballos na zona, e non o digo porque me adique a isto, que traelos de fóra, para manter ese estilo artístico propio».
«Neste pobo sempre houbo moi bos artistas e artesáns», constata Alejandro, firme partidario da creación dun museo de arte sacro: «Todo o que hai gardado nos claustros de San Francisco e nos desváns... Viveiro merece un museo». El tamén fixo algunha escultura (o cordeiro asado que vai cos apóstoles na Última Cea) e ten restaurado andas e imaxes, «pero o máis gratificante é crear algo novo». A este artista megalómano gustaríalle que lle encargaran un retablo grande, «porque integra a ornamentación coa arquitectutra, a policromía e o dourado...».
Afeccionado á cetrería
O tempo que lle queda libre, Alejandro invírteo no adestramento e coidado da súa parella de aguias de Harris, Alfa e Conan. De vez en cando, ata fai exhibicións coa moza, que ten un moucho de Virginia, Furbi, e un autillo africano de cara branca, Maxi. «É un hobby», suliña, que require moita atención. As rapaces necesitan voar todos os días, salvo no tempo da muda.
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2011/04/10/0003_201104X10C5991.htm