Skip to content

--- Semana Santa Viveiro ---

Inicio Pregoneros

Publicado 01/08/11

Colección de Pregones.Semana Santa 1976

Prof. Dr. Xose Filgueira Valverde
Catedrático de Literatura
Director del Museo de Pontevedra
Teatro de Viveiro. 12 abril 1976

¡Paz e ben, amigos do Viveiro perdurable! Que nestas xornadas a árbore teologal de tódalas virtudes agrome para vós en vizosos froitos.
Permitídeme que encete o meu “Pregón” evocando o meu encontro coa vosa garrida vila e a súa historia.

O meu Viveiro
A miña aprendizaxe de Viveiro, é dicir o inicio do meu namoro, escomenzou en Compostela, no fogar dun dos poetas que aquí naceron ou se formaron: Luis Tobio. Alí souben, por primera vez, do voso mar e dos frondentes eidos, do Castelo da Ponte, das igrexas de Santiago e Santa María, estudiadas polo seu fillo Luis, no “Seminario de Estudos”, dos lugares de Santo Elvites e de Naín, do outeiro da Capela de San Roque, das veigas do Vieiro, da Misericordia, Magazos, Valdeflores... dos mareantes de Celeiro, das areas de Cobas, da furna da Doncela, do doce Landro que cantou Pastor Díaz... Escoitei falar das trinta e tres badaladas do campanín das Concepcionistas, na media noite. Despois, nos vosos eruditos puiden coñece-los feitos da historia e os nomes dos vivarienses que a honraron. Foron guieiros meus Noya, Donapetri, Canosa, Fraga, Chao Espiña, Leal Insua... Do poeta Luis de Vivero. Da Beata Constanza “genere, virtute et sanctitate ilustrísima” e das pinturas do infortunado Camilo Díaz que evocan a súa vida. Da vosa “Latina”, Sarmiento, fundadora do Estudio. De Pérez das Mariñas. De Teodoro de Quirós. Dos nomes avencellados ó noso “Rexurdir”.


Pero as cidades nos se entenden só pola lectura dos grandes feitos; cómpre escoitalas na voz dos poetas. Poucas urbes galegas teñen tantos, tan orixinais e, sobre todo, tan fieis ó chan nativo.É mester recoller nunha antoloxía o mellor dese medio centenar de poetas, lembrados moitos, outros esquecidos... Unha cidade, unha paisaxe, un moimento “están” na xeografía e no devenir dos tempos, pero somentes “son” cando as re-crean para nós os escritores e os artistas. Viveiro, terra de cantores que a souberon ben cantar.


Xornadas de compadecimento e solidariedade
Eles souberon enxergar esa predilección vosa por estas sagras xornadas, onde, máis que noutras, podemos albiscar o senso da cruz, ese sinxelo cruce de dúas liñas que é o “Símbolo dos símbolos” na historia da Humanidade. En torno del apréixase o cercho do outro signo eterno da solidariedade, da comunicación, da participación no Ben.


As festas son un encontro, un apreixarse, de mans dadas, cos amigos de perto e de lonxe, ausentes que retornan, é asemade a evocación da memoria dos que xa non poden retornar. A conmemoración das dores, nestes días non tería senso se non fose unha chamada á compaixón e unha agarda do Rexurdimento. Pensade que esta Galicia nosa, inxustamente alcumada de individualista, é fondamente compadecedora; as xentes senten co próximo, fan seus os padecementos e as angueiras do veciño, do compañeiro, mesmo do descoñecido. Pobo de diálogo, de conversa, plasmada nas labras de Mestre Mateo, e de compaixón, talladas polas gubias de Gregorio Fernández.
Cando a liturxia se fai “cruceiro”


A nosa meirande expresión plástica é o “cruceiro” que sacraliza o trivium dos vieiros, na “Galicia do Camiño e da Saudade”. E no cruceiro, Cristo, que nos agarda enclavado e a Nai con El, sempre Fillo, sempre Neno, como dicía Castelao, de novo, no colo, revivindo na Maior Dolor os Gozos de Belén.
A Virxe das Angustias, é a Virxe dos cruceiros, a Virxe das estradas da Peregrinación, a dos acibeches composteláns, a priva na escultura galega dende o gótico. Emporiso o voso patético “Descendimento” recolle o sentir mediaval, onde ten as súas raigañas.


Esa Nosa Señora que, na mellor páxina de Antón Vilar Ponte, baixa a asistir a un cego na súa morte en terra allea:
“E cando a campana da Eirexa tanxíu as badaladas da oración á hora de doce, e os cristiáns que lle negaran un pouco de broa dicían “El pan nuestro de cada día...”, xa o vello mendigo, extranxeiro no seu e en tódolos países da terra, non tiñan fame, porque volto neno, Nosa Señora das Angustias, co pano do pe da Cruz, enxoitáballe as derradeiras bágoas, mentras o aloumiñaba no seu colo cun canto de berce”.
Cruceiros cantados polos nosos poetas, debuxados e comentados por Castelao. Foron vistos por Ramón Cabanillas, tal que se xurdisen do mesmo chan galego:

“Cando a pedra durmida e agochada
da terra nai no garimoso seo
desperta do seu sono milenario
e quer ser oración e pensamento,
florece nun varal, estende os brazos
e póndose de pe, faise cruceiro”.
E Lamas Carvajal comprendía o seu valor social, a súa función comunicatoria:
“Sempre gardan cen memorias
de amantes tenras hestorias
os cruceiros do lugar,
nas aldeas compañeiros,
conselleiros,
do amor e da soedá”.


Don Francisco Fraga soubo, nun dos seus inesquecibres artigos, levármonos da man polas eirexas da bisbarra de Viveiro en percura de igrexias testemuñas da piedade movida pola evocación da Paixón: Chavín, Galdo, San Pedro, Merille, gardan a par das igrexas da cidade mostras da piedade popular espertada pola meditación dos feitos que estes días evocades nidiamente, mais que sempre levades no voso corazón.
Esta fidelidade espellada nos froitos da arte popular dos canteiros e nesas formas máis requintadas da imaxineiría é a mesma que gardades para as vosas celebracións de culto externo e solene que moitas veces as motivaron:


“¡Ay, el dolor, sin regreo,
dolor de Semana Santa,
por las calles de Vivero!
Toda la ciudad parece
sentir ternura de huerto.”


A tantos pormenores que vós agarimades nas señardades e no fervor quixera eu engadi-la hipótese de que a importancia destas celebracións pode ter unha raigaña moi anterga, alí nos tempos dos séculos V e VI, cando no porto de Viveiro e noutros destas  costas desembarcaron os britóns fuxidos da Bretaña a Maior, pola invasión dos xermanos, afincaron aquí unha diócese itinerante e fundaron mosteiros parroquiais. Moito celtismo galego e moitas facetas da nosa relixiosidade poden ser  herdanza deles.

Defensa das solemnidades tradicionais

Chegado a este punto, permitireime unhas verbas en defensa das “solemnidades externas” anque sei que ós que asemade as defendan. Hai moita xente que o coida que, seren cousas que estudias os historiadores, os antropólogos, os folkloristas... deben desbotarse. O malo é que polo visto como tamén e cousa de estudio a arte cristiá hai que desleixala ou vendela. E traen a conto o Concilio Vaticano II, que, xustamente, o que fixo é defender todo o que eles atacan:


“A Igrexa -dinos na Constitución sobor da Sagra Liturxia- non pretende impor unah ríxida uniformidade en aquelo que no afecta á fe ou ó ben de toda a comunidade, nin tan sequera na Liturxia, pola contra, respeta e promove o xenio e as cualidades peculiares das distintas razas e pobos. Estudia con simpatía e, se pode, mantén enteiro o que nos costumes dos pobos atopa que non estexa indisolublemente avencellado a supersticións ou erros, e inda ás veces o acolle na Liturxia mesma, con tal que poida armonizarse con seu verdadeiro esprito”. Para que o voso Encontro, o voso Descendemento ou a procesión dos Caladiños fosen anticonciliares, sería mester que estivesen ligados a erros ou supersticións. ¿Ulas? Outros queren opoñe-las manifestacións externas e populares do culto á participación nos oficios e sobor de todo na Eucaristía. Ó meu ver este criterio vén dunha estreitez do campo de consciencia. Porque se non opoñen, pola contra, atraen. Estou certo de que en Viveiro son moitos os que se uniron a participar polo achegamento a Cristo que promoven as grandes solenidades  -sen par as vosas na nosa Terra-. Xurxo Castelao escribía a impresión do home alleo, indiferente, cicais hostil, que, no paso do Viacrucis, cunha vivencia inborrable nácelle na alma e xuntárase ós que pasan.


As imaxes que sacades, devotamente , nas vosas procesións saben ben do poder das pregas. Ramón Villar Ponte soubo contarnos como Viveiro se salvou da queima polos franceses que se conmoveron escoitando os pregos das mulleres que rodeaban na igrexa a imaxe do Ecce Homo.


As imaxes animadas
Non somella estrano que neste pobo de lírica omnianimadora, as imaxes da vosa Semana Santa se movan con ademáns expresivos, enxoitan as bágoas e erguen os brazos. Coido que a orixe deste feito singular, estará, nas precedentes representacións da Paixón, nos dramas litúrxicos que se espallaron xa denantes de que fosen estimulados intensamente pola piedade franciscana. O feito de que as persoas encarnen as figuras da Biblia e do Evanxeo pode seren exemplar pero pode suscitar o maldicer dos veciños. Non chegan a suplilo as imaxes pero sempre estáticas pese á expresividade que logre o artista. Vén entón a idea de animalas como mecanismos axeitados. Tivo que ser ben acollida en tempos do barroco que é “movemento e axitación a todo custa traducido mesmo  na fronda ascensional das fachadas, das torres, dos retábulos. Porque as imaxes “representan” accionando. Temo colle-lo vieiro das erudicións cando é unha fondísima emoción a que xorde desta impar cerimonia, que ten a súa raiceira, como dixen, no drama litúrxico. Mesmo a lectura dialogada e con canto da “turba” é unha manifestación deste xeito de “revivi-la” Paixón. Lembro que no 1967 tiven a honra de comentar na igrexa de San Francisco a de Tomás Luis de Victoria, cos Cantores dos Institutos da miña Pontevedra, onde segue escoitándose.
Aínda o Bispo Aldegunde lembraba as manifestacións dese tradicional teatro paralitúrxico, na Orden Terceira de Viveiro, onde perdura no “Desenclavo”.O movemento faríase nos anos corenta do século XVIII data das imaxes da Virxe que se enxuga as bágoas, do San Xosé que move a testa e os brazos, que limpa o rostro de Cristo.


As vellas confradías
Polos cronistas puiden envergar que a vosa Semán Maior do Viveiro foi, sobre todo promovida polos piadosos xuntoiros dos fieis nas confradías. Foron as ordes mendicantes as que, dende o século XIII, suscitaron estas devocións. A Venerable Orden Terceira tivo aquí capela propia dende o 1742 pero que actuaría dende a fundación conventual. No século XVII radicaban tamén no fermoso tempo dos Frades Menores a da Purísima Concepción, dos Fillosdalgo, extinguida no 1708; a da Vera Cruz de Sacerdotes e Cabaleiros, continuadores na V.O.T., seglar. Nos Dominicos escomenzaría, no século XIV, a Congregación do Rosario, favorecida polos Nobres, que coidaba das solemnidades de Ramos, Venres Santo, Descendemento e Santo Enterro, que se mantén, renovada despois da crise de 1835. Outras confradías sumáronse despois do anovamento das solemnidades no 1944: como a do Santísimo Cristo da Piedade…


Chamada á Hebdomada Sacra
Este meu Pregón non pode sere un chamamento ós que eiquí viñestes nin ós vivarienses ausentes que se axuntan sempre que os trafegos e as angueiras da vida lles deixan vir, este chamamento tiña de ser, para que os de fóra viñesen a esta Semana Grande dunha cidade pequena. Pediríalles que se deixasen guiar por Leal Insua, nun dos seus máis entrañables libros. Que chegaran para asistir á procesión de Palmas co paso da “Borriquita”, limiar de infantil rechouchío. Que percorreran as estacións do Vía Crucis da Irmandade da Santa Cruz, dende a igrexa do noso Padroeiro ó Señor Santiago. Que o Mércores lembrasen o “Oficio de Tinieblas” cando os rapaces corrián, de igrexa en igrexa, coas súas martabelas para o estrondo cando se apagaba o derradeiro cirio no tenebrario, e logo acompañasen o do Santo Cristo da Agonía dende a igrexa gótica de San Francisco que lembra a chegada dos frades menores no 1287 e da testemuña da piedade das xentes de Viveiro que a ergueron no XIV e no XV.


Lembra Leal a visita ós Moimentos eucarísticos das familias, adobiadas coas roupas  da arca; dos vellos do Asilo, dos colexiales…, mudando xa no rezo as estacións o “Gloria Patria” polo “Laus tibi Christe”. E chamaría eu a medi-lo paso do tempo que foi polas varianzas nos traxes, polo enfeitado de cada un dos sagrarios: en Santa María, en San Francisco, en Santiago… no Convento de Miraflores con recendo de “albahaca” e primor monxil.
Ergueríanse moi cediño, co raiar do abrante para o “Ejercicio da Pasión”, e logo para coller un bo lugar na Praza, á máis desexada das ceremonias, a que ten un carácter senlleiro, peculiar, sempre agardado. Moitas xentes do mar e do labrantío, dormían ó raso nesa noite agardando o “Encontro”.
As imaxes búscanse, de rúa en rúa. Na praza un fraile narra e glosa os feitos. Un Crego le dende un balcón a sentencia de Pilatos.
Hai un voo de gaivotas, e “parece como si el tiempo no fuera nada y no hubiera más mundo que este espacio”.


A Verónica “deja la calle de Pastor Díaz y se adelanta y seca el rostro del Señor”. “La Virgen lleva los ojos circundados de brillantes diminutos y un pañuelo de encaje bordado por mano de novia que no llegó a casar. Bajo las andas van artesanos que son los que dan movimiento a los brazos de la imagen”. A virxe enxúgase as bágoas. (“Non a fagas chorar tanto rapaz”, berra unha piadosa muller”). E seguimos logo co Señor nas súas caídas deica recibir en a beizón diante da belida portada románica de Santa María do Campo, escoltando o toque de Agonía da campá. Que asistisen, diante do impresionante, grandioso, conxunto escultórico de Cristo “interscelestos”, coa Nosa Señora e San Xoán ó pé, o sermón do “Descendemento”. Que visen logo o solemne cortexo da Paixón, que organiza a Confradía do Cristo da Piedade, coas irmandades do Prendimento, das Sete Palabras, da Santa Cruz co seu estrondo final. E de noite, en silencio da procesión dos caladitos que hoxe chamamos deste xeito polo camiñar silendeiro e calado das xentes, pero que recibiu a denominación de iren os penitentes cubertos, calados os capuces. E xuntansen as súas voces ó pobo que canta a pregaria nosa a galeguísima Salve Rexina.


Que non deixasen  de asistir ós Oficios, nos que as corais poñen o mellor da súa arte e os pregadores glosan as máis ferintes páxinas dos Evanxeos. E na xornada do Amor Fraterno non esquecensen o fervor eucarístico de Viveiro, onde naceu Trelles e Noguerol, o fundador da “Adoración Nocturna”.
E xa o espertar do Sábado de Gloria que é como noutra mañanciña de San Xoán, vivisen a liturxia que lembra as grandes revelacións do inicio dos tempos, das promesas da Redención e que axunta nos ritos o fogo e a auga, a carón do sartego aberto na pedra terrea, namentras brila no ar a imaxe do Corpo Glorioso.


Eu chámovos, a tódolos vivarienses e forasteiros, a vivir co mesmo ánimo dos antergos estas xornadas comunitarias en que máis que en ningunhas outras a nobre vila se sinte máis, súa, máis dona dunha esclarecida historia, dun hoxe guiado polo anceio do ben e da beleza, e dun mañá cheo de esperanzas, no que nas verbas de Pondal “as nosas vaguedades comprido fin terán”. Que estas celebracións estean ateigadas de conmovedores sentimentos e que, para todos, a vida sexa sempre un sábado de gloria, un perenne rexurdimento, rimado polos mensaxes do Espírito:


“Voz sin soído, milagreira fala
que soio escoita o corazón que cala
abrasado en amor de eternidade,
e a expresión das aladas xerarquías
tecida en silandeiras melodías
ante o solio da Eterna Majestade!

 

 


 

 

CARTEL 2017

Carteles S. Santa 2017

Pregón D Enrique Cal Pardo

Pregon 2016

Expo MISERICORDIA

LIBRO PREGON 2016

Libro de Actos 2016

Actos Liturgicos 2016

ESPECTACULAR VIDEO

Alierno Febrero 2016

Alierno Marzo 2016

Descarga App

appdescarga.JPG

Certamen de Bandas

S. S. Viveiro en Imagenes

Especial La Voz

Especial Correo Gallego

Semana Santa dos Nenos

II Encuentro Cofradías

Belen Concepcionistas

Belen Viveiro ante o Berce

Retrospectiva

Semana Santas de España

Letras de Pasion

Colección DUMIO

Heraldo de Vivero

Orfebre Bernet

Carteles S. Santa 2015